Recogida de Firmas MANIFESTO EN DEFENSA DA RADIO E A TELEVISIÓN PÚBLICAS DE GALICIA
Para: Parlamento de Galicia
A NOVA LEI AMEAZA O FUTURO DOS MEDIOS PÚBLICOS DE GALICIA
Cantos nenos e mozos deste país medraron co Xabarín Clube? A cantas persoas acompaña o Luar cada noite de venres? Canta xente pasa a madrugada escoitando o Pensando en ti da Radio Galega? Onde se van ver e escoitar a información e o deporte galegos? Con que imos rir se falta Land Róber ou Miro Pereira e os seus Pratos Combinados? Onde van ter voz os nosos gandeiros, labradores e mariñeiros se desaparecen a Televisión de Galicia e a Radio Galega?
Coa coartada da austeridade, confúndese interesadamente o necesario co imprescindible, o básico co accesorio, para enganar a opinión pública. Recórtanse servizos sociais pero non se eliminan prebendas, privilexios, cargos nin despachos daqueles que realmente enchen os petos e viven parasitando o que é de todos.
Neste contexto unha información plural e crítica é máis necesaria ca nunca para a cidadanía, que asiste impotente ao desmantelamento de boa parte dos medios, principalmente os editados na nosa lingua. E desta volta, a Radio Televisión Pública de Galicia está tamén ameazada. Co pretexto de reformar a súa Lei de Creación, PP e PsdeG pretenden aprobar ás agachadas, a base do que será a privatización e a desaparición definitiva da CRTVG.
E aínda sendo prostituídos, unha e outra vez, polos distintos gobernos, os medios públicos teñen que defenderse porque son, sen dúbida, o eixo vertebrador dunha Galicia espallada, emigrada, rural, urbana, galegofalante ou non. Perigan a participación da cidadanía na vida política, cultural e social do noso país, o fomento da lingua propia e a difusión da nosa historia e cultura.
A Televisión Pública é o motor dun audiovisual galego exportador de éxitos como Celda 211, Os luns ao sol, Mareas Vivas e moitas outras, e é tamén a nodriza de tantas pequenas produtoras que conforman un tecido empresarial que dá emprego a máis de 3.000 persoas.Os políticos falan agora de exceso de persoal, pero nada din dos responsables dunha mala xestión que xeneralizou a contratación fraudulenta de boa parte dos traballadores.
Nos xulgados hai máis de 300 demandas por estes motivos, e as sentenzas estanlles dando a razón aos traballadores e traballadoras. Non falan os nosos gobernantes dos ingresos obscenos dos membros do Consello de Administración ( que chegaron aos 120.000 euros ao ano), tampouco dos contratos millonarios a produtoras amigas, que nada teñen que ver co sector audiovisual independente. Non se di que a CRTVG é a radio e a televisión pública con menos número de empregados, nin con menos débeda, e que os orzamentos deste ano xa se reduciron nun 25%.
Só se recoñece, cando interesa, que a TVG é a segunda canle máis vista en Galicia só superada por RTVE, a outra radio e televisión pública. E canto lle custa a cada galego ter catro canles de televisión (TVG, G2, TVEuropa e TVAmérica) e tres de radio (Radio Galega, Radio Galega Música e Sons Galicia Radio)? Pois 36,6 euros ao ano,o que a sitúa como a radio e a televisión de menor custo entre todas as públicas.
Pero todo isto parece non ser suficiente para que o Parlamento galego cese na súa intención de aprobar en poucos días unha reforma que deixa aberta a porta á privatización da CRTVG, ao despedimento de boa parte dos seus traballadores e traballadoras, e que ademais reforza o control político da información.
Precisamos unha RADIO E UNHA TELEVISIÓN PÚBLICA, DE CALIDADE, PARA TODOS E TODAS. NON se pode permitir que a reforma da Lei de Creación, pola que levamos anos agardando, se aprobe nas condicións que os políticos pretenden. NON se poden botar por terra 26 anos da nosa historia.
A CRTVG ATÍNXENOS A TODOS!
Comité Interempresas da Compañía de Radio-Televisión de Galicia