Recogida de Firmas Protesta contra o Plan Abalar
Para: Conselleiro de Educación da Xunta de Galicia
nos centros de Educación Primaria e Secundaria de Galicia estase a producir un intenso debate arredor do plan Abalar, debate que arroxa unha potente visión do desagrado que existe na comunidade educativa.
A entrada da informática nas aulas é un obxectivo desexable e irrenunciable do sistema educativo mais non se pode perseguir sen unha estratexia axeitada. Non é serio pretender formar a todo o profesorado que traballa en 5º de Primaria e en 1º de Secundaria en tan só 50 horas e a marchas forzadas. Noutras comunidades autónomas lévase traballando isto dende hai, cando menos, catro anos. Os resultados, como ben sabe, non están a ser bos o que é terriblemente frustrante para un colectivo de persoas celosas do seu traballo, que desexan facer as cousas ben.
Semella que o único que interesa é que o profesorado “pase traballo”, independentemente de que este sexa ou non produtivo. Como se explica logo que se nos obrigue a elaborar prolixas programacións anuais e, no medio do curso, se nos obrigue a non respectar nin de lonxe o que nelas establecemos ao comezo do curso? Non é serio propoñer unha nova filosofía de traballo para o alumnado e tratar o profesorado como un simple convidado de pedra.
Hai poucos días que estas cuestións apareceron na prensa de maneira discreta, ao contrario de como se anunciou a chegada aos centros dos ordenadores do alumnado. Bóteselle unha ollada a Xornal de Galicia 13/I/2011 ou, algo máis tarde, a La Voz de Galicia do 17/I/2011.
Por todo isto queremos que se reconsidere o proxecto Abalar e se teñan en conta as seguintes cuestións (son apenas un extracto de outras moitas cousas importantes):
atrasar un curso a posta en marcha deste proxecto (cousa que de facto xa se está a facer).
flexibilidade para realizar a formación; xa é penoso térmonos que formar no tempo libre e nas fins de semana ou vacacións, para térmolo que facer nunhas datas e a unhas horas impostas, sen posibilidade de modificación e so pena de expediente disciplinario.
unha formación integral común para todos os implicados no Abalar, e non depender do grao de implicación e/ou formación do profesor ou profesora escollido en cada centro. Os nosos compañeiros e compañeiras non poden cargar sobre as súas costas a responsabilidade de darlle entrada á Escola 2.0 en Galicia.
que cada profesor dispoña dun ordenador a tempo completo para poder chegar á aula e ter algo que explicar a través das ferramentas informáticas. Aínda que moita xente non o crea, as sesións docentes cómpre preparalas e, na inmensa maioría dos casos, isto faise na casa. Teremos que preparar unha clase no momento de implementar a propia clase?
que os equipos, por suposto, estean en lingua galega. É penoso que nin o sistema operativo nin ningunha aplicación dos equipos mercados e distribuídos pola Xunta de Galicia para os centros educativos dela dependentes, non se poidan utilizar en galego!
Pedimos ben pouco; tan só respecto á nosa profesión. A filosofía Abalar é encomiable mais o xeito de levala adiante é desprezable porque cifra o seu interese unicamente nun obxecto do proceso: os equipos informáticos os cales, como todos sabemos, dan moi ben nas fotos. A parte de ordenación, formación e creación de protocolos descárgase completamente no profesorado cun cargo de cero euros (0€!!) no orzamento xeral do proxecto. Non pedimos diñeiro, pedimos respecto e seriedade; as novas xeracións de galegos e galegas esíxennolo.