Recogida de Firmas contra a instalación na Limia da Incineradora do sur de Galiza
Para: Xunta de Galiza, Concello de Xinzo da Limia e Deputación Provincial de Ourense
Nós, as e os asinantes, queremos expresar a nosa oposición e rexeitamento á Planta incineradora de lixo que pretende instalar a Xunta, polos seguintes motivos:
A incineración ou queima é o xeito máis insostíbel e perigoso de tratar os residuos urbanos, posto que non os elimina, só os traslada e espalla, transformando en cinsas, gases e escoiras altamente contaminantes todo o que botamos no contedor verde.
A xestión dos residuos é un grave problema que debe ser abordado dende unha xestión o máis eficaz posíbel, promovendo a diminución na produción dos mesmos.
A incineración incumpre os Plans de Xestión de Residuos estatais e europeo, en canto que non respecta a xerarquía básica de: REDUCIR-REUTILIZAR-RECICLAR, apostando polo derradeiro dos pasos na maneira de desfacérmonos do lixo.
A incineración orixina emisións contaminantes e tóxicas á atmosfera, metais pesados, dioxinas, furanos, gases de efecto invernadoiro, gases ácidos e partículas ultra-finas que afectan negativamente á contaminación do aire, das terras e das augas, o que prexudicará gravemente ás explotacións agrícolas e gandeiras da comarca e á saúde das persoas.
Os metais pesados causan danos á saúde dos seres vivos: disfuncións neurolóxicas, alteracións do sistema inmunitario, malformacións e patoloxías oncolóxicas graves.
As partículas ultra-finas están relacionadas con afeccións asmáticas, alteración do sistema respiratorio a disfuncións coronarias.
As dioxinas son compostos bio-acumulativos, moi tóxicos a baixas concentracións, e persisten no ambiente, acumulándose diariamente nos ácidos graxos e transmitíndose de nais a fillos a través do leite. Son a causa de moitos tipos de cancro, de malformacións no feto e tamén de infertilidade.
A implantación dunha incineradora en Xinzo ou na súa comarca, da igual en que concello, sentencia definitivamente o desenvolvemento agrícola e gandeiro, arruína o potencial ambiental e paisaxístico da zona e hipoteca o noso futuro, e o máis prezado: a saúde dos nosos fillos e fillas.
A planta de incineración que se pretende instalar non é a solución a ningún dos nosos problemas, nin vai a repercutir en melloras para os veciños e veciñas da Limia, senón que xerará problemas novos e máis graves, pola súa afección sanitaria, ambiental e económica, arruinando o tecido produtivo do campo, do sector industrial e de servizos do que hoxe disfrutamos.
A planta incineradora que se pretende instalar non contribúe á prosperidade das persoas e dos lugares onde se instala, senón ao impune enriquecemento duns poucos, neste caso dunha empresa privada, a costa da saúde e dos recursos da poboación que somos a maioría.
Os beneficios que poida xenerar esa planta tampouco serán investidos aquí, porque a empresa privada levaraos fóra e creará riqueza noutras provincias. Os postos de traballo que crea non compensan os que pon en risco e que serán causa de abandono das xentes desta comarca.
Opoñémonos a unha instalación que leva consigo un macro-vertedoiro cos riscos que supón para a saúde, que precisa de 800.000m2 de superficie onde asentarse e que queimará 500.000Tm/ano, todo o lixo do sur de Galiza e, nun futuro próximo, tamén o do resto do país, cando SOGAMA peche as portas.
Porque o goberno galego non pode xogar con nós á ruleta rusa, debemos parar un proxecto insolidario, insalubre e demasiado arriscado, aínda que nos queiran convencer de que traerá riqueza á nosa comarca.
ESIXIMOS
A paralización definitiva de calquera proxecto deste tipo e a procura de alternativas de tratamento de residuos realmente sustentábeis e xeradoras de moito máis emprego.
O cumprimento do 'principio de xerarquía' na Xestión de Residuos, cunha regulación máis estrita e un control máis exhaustivo por parte das administracións competentes.
Que se establezan ríxidas medidas para que as Autorizacións Ambientais Integradas non poidan defraudar os distintos Plans Públicos de Xestión de Residuos. Sabemos que, na práctica, os permisos outorgados defraudan eses plans e os adxudicatarios convértense en meros produtores de enerxía, a costa da saúde e da riqueza do territorio no que se instalan, que logo nos venden, non no la regalan.
Que as administracións competentes reaccionen e saiban ter en conta o principio democrático segundo o cal todas as persoas que poidan verse afectadas por unha decisión teñen o dereito a participar no proceso de toma da mesma, considerando como dereitos incuestionábeis o dereito á participación e información e o dereito á saúde.
Por todo o manifestado deixamos claro que coa saúde, co presente e o futuro desta terra e coa herdanza dos nosos fillos e fillas non se xoga.
Xinzo da Limia a 26 de febreiro de 2011